Monday 06 de May de 2024

O Concello de Moeche executa os dous últimos proxectos viarios acollidos ao POS+ 2021


No arranque deste 2022, o Concello de Moeche está finalizando os proxectos que se acolleron ao Plan de Obras e Servizos da Deputación en 2021. Antes das vacacións do Nadal botou a andar o paquete de reparación viaria denominado “Pavimentación de camiños en Abade, San Ramón, Balocos e Ramil”, que xa está practicamente rematado, e hai escasos días comezou o referido aos asfaltados e aglomerados en Pradochao, San Xurxo, a Ponte do Sur e Vigo. O investimento total -repartido en dous contratos- ascende a 91.250 euros, IVE incluído, co que se lle renovará o firme a 10 pistas municipais que suman 3,2 quilómetros de trazado.

A actuación case rematada abrangue seis eixos viarios das parroquias de San Xoán e Abade. A que cobre maior distancia -1.050 m.- é a que enlaza Balocos con Piñeiro, onde se limparon as gabias e se restaurou o pavimento, mentres que en San Ramón -tamén na parroquia de San Xoán- traballouse sobre a totalidade dun trazado de 275 metros.

Este plan de obras -adxudicado en 46.935 euros a Excavaciones Saavedra y López S.L.- centrouse en reparar outras pistas situadas na parroquia de Abade. Na de Valdixe fixéronse tres tramos de 100 metros cada un e en Canosa botouse unha nova cobertura de asfalto en 300 metros de pista, igual que nos arredor de 200 metros doutro camiño situado en Ramil (San Xoán) que ata agora tiña unicamente firme de saburra e terra.

Cómpre recordar que a mesma empresa tamén se ocupou de levar a cabo o programa de acondicionamento de cunetas e reposición de canalizacións e salvagabias en distintos puntos, por medio dun contrato menor sufragado integramente con fondos municipais.

Iniciado o último dos proxectos viarios acollidos ao POS+ 2021
O Concello de Moeche agrupou a licitación das obras en dous proxectos que se licitaron por separado. Un foi este que acabamos de resumir correspondente a varias pistas de San Xoán e Abade, mentres que o outro é o denominado “Pavimentación de camiños Pradochao, San Xurxo, Ponte do Sur e Vigo”.

Del encárgase José No Mantiñán e Hijos tras presentar unha oferta de 44.316,42 euros -impostos incluídos- dirixida á reparación da pista de Pradochao, en Abade (315 m), e outras tres en San Xurxo. Estas últimas son o camiño estreito que enlaza a estrada provincial co cemiterio pasando por diante da igrexa parroquial, de 160 metros; o acceso á Área Recreativa de Soutogrande desde a DP-4901 (270 m) e, pechando o bloque de obras na zona, o arranxo do eixo entre Vigo e A Trémoa sobre unha distancia total de 300 metros dos cales 225 irán asfaltados.

A adxudicataria iniciou hai uns días os traballos precisamente no lugar de Vigo e desde o Concello agárdase que a súa execución se vexa acelerada polo bo tempo anunciado para o que resta de semana e incluso para o arranque de febreiro.